PERSONAXES



FIZ
Kiko da Silva
Fiz ten tres anos, tres pelos e é o neno máis porcallán do mundo. Gústalle dar de beber ao váter, facer cadros abstractos con mocos, e falar coas cacas da rúa. Ten uns amigos moi divertidos, o quiosqueiro Cano, que vende unha chea de cousas incribles: lentes para ver espida á xente (se es maior de 18 anos, claro!), chuletas de matemáticas invisíbeis, máquinas para viaxar no tempo... etc. Puri, que aínda que pareza mentira está namorada do marrán de Fiz, e os famosísimos detectives, Cacolmes e Warrón, dúas cacas detectives que axudarán a Fiz a resolver os misterios noxentos nos que sempre se mete. Non o podes perder, pero coidado... no mundo de Fiz... sempre piso cacolaaaaaa!!!
_____________________________________________________ 



FRANKIE VIKTORSTEIN
Kohell
Un pequeno xenio da ciencia e o seu axudante Grigor  enredan con toda clase de cousas nas que xa andaban metidos o doutor Jeckyll, Frankenstein ou o capitán Nemo. Onde estes ocasionaron desastres, o noso xenio... consegue... en fin, resultados, digamos, con división de opinións.
_____________________________________________________ 



LILY & PUCHA
José Domingo
O tándem felino de moda! Comer, durmir, chapar, xogar, explorar, pelexar, botar a sesta, rexoubar, rabuñar o sofá novo, roldar, organizar combates de loita libre, volver botar a sesta, agocharse usando técnicas ninja, espiar, espreitar cousas invisibles... Lily e Pucha son capaces de todo iso e moito máis, namórate delas nas páxinas da revista Fiz!
_____________________________________________________



RUE BALTHUS
Diego Arandojo & ED.
De camiño á casa da súa avoa, Brais queda durmido no bus e baixa na parada equivocada, nunha rúa que non coñece, pola que non pasara nunca, chea de personaxes estrafalarios, na que ocorren cousas raras e na que -se non atopa o modo-... quedará atrapado para sempre!
_____________________________________________________ 



TEO & MAX
Albert Monteys
Teo e Max son os últimos dinosauros sobre o planeta terra, dúas auténticas antigallas, fósiles con patas. Mais eles queren ir cos tempos e a súa maior ilusión é evolucionar canto antes. Claro que meterlle présas a Darwin adoita acabar en desastre...
_____________________________________________________ 



LAS VACACIONES EXTRAORDINARIAS DE THOR Y SIF
Jorge García & Sagar
As clases remataron no país dos deuses nórdicos e, como de costume, o mozo Thor só aprobou ximnasia. Como de costume, o castigo dos seus pais é tallante: todo o verán sen saír. E, como de costume, o mozo Thor non está moi contento. Por iso (e aquí termina o costume), decide fuxir coa súa amiga Sif e ir de aventuras a... Pero non, mellor non volo conto; mellor descubrídeo vós mesmos en "As vacacións extraordinarias de Thor e Sif", unha serie de Sagar Forniés e Jorge García para a revista Fiz.
_____________________________________________________



MARÍA MISTERIO
Bernardo Vergara & Javier olivares
Chegan as vacacións e a pequena María Misterio viaxa de Londres a Escocia para pasar as vacacións co seu tío, o extravagante aventureiro Sir Angus Evelyn, experto en arqueoloxía, mística, e fenómenos sobrenaturais. Pouco se imaxina a pequena María que será a primeira escala dunha trepidante viaxe chea de vampiros, lobishomes, momias e sabios tolos. A aventura está servida!
_____________________________________________________



REMOLCADORES
A. Fuentes & Busquet
Hai moito tempo houbo unha gran catástrofe e os humanos foron vivir ao mar porque os continentes enchéronse de monstros e outros grandes perigos. Agora viven en illas, barcos e cidades flotantes. Os protagonistas da nosa historia vivían nun orfanato ata que un día descobren un remolcador e deciden fuxir do orfanato para vivir grandes aventuras. Ou polo menos, inténtano.
_____________________________________________________



LUCI
Jali
Luci é unha nena coma calquera outra. A única diferenza é que é un demo. Si, si, un demo pero dos de verdade, dos de cornos e iso. Vive no inferno co seu irmán Fer e o seu pai, que é o mesmiño Lucifer, o xefe de todos os demos. Sigue as súas aventuras na revista Fiz, pero aconsélloche que non te abrigues moito porque no inferno pasarás moitíiiisima calor.
_____________________________________________________



COWBUEY
Kiko da Silva
Benvidos ao afastado oeste!!! Un lugar onde as vacas son vaqueiras, as galiñas unhas covardes, os lobos uns atracadores de bancos e os porcos alcaldes da vila... Se queres divertirte e escachar coa risa cunha serie onde se che pegan un tiro non morres, senón que quedas feito un queixo gruyere, non perdas as aventuras de Cowbuey!!!
_____________________________________________________



SR.GRINDOG
Mel
O misterioso Sr. Grindog é un aloucado aventureiro, que se autoproclamou "Defensor a tempo parcial do planeta Terra". Como tal, non dubidará en protexer á humanidade de todo tipo de desastres naturais, invasións alieníxenas e viláns megalómanos. Iso si, sempre utilizando os métodos máis estrafalarios...!
_____________________________________________________



CLUB N.E.L.
Manuel Lourenzo & Víctor Rivas
O club Nel fórmano un grupo de mozas e mozos dunha vila chamada Socastro. Son persoas como as demais, aínda que todos teñen algo de raro. O máis raro, sen dúbida, é Nel, que é invisíbel e din que se alimenta só de arañas verdes. Raúl Ares é un completo mentireiro, pero todos poden ver como alí por onde pasa suceden cousas extraordinarias. Sonia Rivas é tan imaxinativa coma medorenta, Graciela é unha experta científica incomprendida, Lucas Cid é capaz de adiviñar o futuro, aínda que acerta máis cando adiviña o pasado. Todos teñen algo de especial, por iso forman unha sociedade secreta; tan secreta que nin eles o saben. Ou, se cadra, o único que pasa é que son raparigos...
_____________________________________________________